Visualizacións de páxina totais

xoves, 29 de xaneiro de 2015

APERTAS QUE VOAN!

Os cativos de 4 anos B somos todos moi amigos e querémonos moito. Levamos uns días falando sobre o DÍA DA PAZ e facendo distintas actividades que nos axuden a entender mellor que as persoas deben respectarse entre elas e aceptar que cada un de nós é diferente, é especial... 

Unha das actividades realizadas na aula é esta: APERTAS QUE VOAN! Cada un de nós leva un vale por unha aperta no peto do seu mandilón, e decide darlle o vale e a aperta a unha persoa do cole que queira... ou que a necesite. Esta fermosa actividade preparouna e compartiuna o profe RAFA connosco... GRAZAS RAFA!

Mirade como nos gustan as apertas:



Ademáis este ano imos cantar e bailar todos a canción de Paco Nogueiras: APERTAS QUE VOAN! Podedes vela no blogue do profe Rafa. A nós gústanos moito! 


LIBRO VIAXEIRO: OTO

OTO pasou unha fin de semana estupenda con Inés e a súa familia. Tivo tempo de disfrutar moito con eles, e ata foi de compras a unha coñecida tenda de mobles, pero en vez de mercar mobles... comeu xelado! E como tiña frío, foi ben abrigadiño coa bufanda de Inés que lle acaía moi ben!
Aquí podedes ver a Inés explicándono todo:



FIXÉCHELO FENOMENAL INÉS! NORABOA!
GRAZAS FAMILIA!

mércores, 28 de xaneiro de 2015

CONTACONTOS


Unha vez máis, os nosos amigos Alex e Patri viñeron de visita á nosa biblioteca para traernos uns contos que nos gustaron moito. E tamén trouxeron o seu acordeón para acompañar con música ben divertida. Contáronnos dous fermosos contos:  SACAPENAS  e  TÍO LOBO. E tamén nos trouxeron un regaliño en forma de "sacapenas" para superar os nosos medos... Aquí podedes ver algúns dos contiños de KALANDRAKA:

Tedes toda a información sobre estes contos na súa web:   www.kalandraka.com

luns, 26 de xaneiro de 2015

MERENDAS SAUDABLES

 

"Hai que probar de todo"


Na semana pasada, a nosa escola participou no Programa de consumo de froita, subvencionado polo Fondo Galego de Garantía Agraria.
Así pois, nestes días tivemos froita fresca para tomar na merenda : MANDARINA, MAZÁ, PLÁTANO, PERA... gustounos probar as froitas de tempada e compartir unhas merendas saudables cos nosos compañeiros.


      

xoves, 22 de xaneiro de 2015

LIBRO VIAXEIRO: OTO

OTO pasou esta fin de semana na compañía de Lucas e de toda a súa familia. O venres estivo na casa dos avós de Lucas e o sábado e domingo, como tiña frío, estivo todo o tempo na casa con él . Non saiu nin dar un paseiño!
Aquí podedes ver a Lucas na súa exposición oral:



NORABOA LUCAS! FIXÉCHELO FENOMENAL!
GRAZAS FAMILIA!


martes, 20 de xaneiro de 2015

INVERNO!

Neste mes de xaneiro os cativos de 4 anos B estivemos aprendendo unha morea de cousas sobre o inverno! Aprendemos que no inverno o tempo se volve máis frío e que pode nevar na montaña, que as roupas que vestimos deben ser máís abrigadas e grosas, e que ás veces precisamos poñer gorriño e bufanda... Tamén aprendemos que os alimentos propios desta estación son os de "culler", as sopiñas e o caldo... nada de xeados!
E decidimos plasmar todo o aprendido no noso mural do inverno, cun boneco de neve ben abrigado e con moitas casiñas pola montaña, tantas que parecen un pobo... e como non, co ceo cheo de folerpas de neve!


xoves, 15 de xaneiro de 2015

A NOSA HORTA!

Os cativos de Educación Infantil andamos ben emocionados nestes días coa nosa nova HORTA. Éche ben bonitiña. E feita á nosa medida: pequena coma nós e xeitosiña para que plantemos e reguemos as nosas sementes. 
Hoxe fomos por vez primeira a plantar unhas fabas: fixemos buratiños, plantamos a semente da faba, e despois tapamos ben coa terra. Quedounos moi ben! Agora só temos que agardar a que as sementes xermolen a saian as plantiñas. Que pasará?      

                             


mércores, 14 de xaneiro de 2015

LIBRO VIAXEIRO:OTO

Esta fin de semana OTO pasouna con Samuel e a súa familia. Fixo unha morea de cousas con eles, e ata saiu de paseo ao parque a ver os patos. Despois pola tarde foi de merendola, e tamén tomou un chisco do xeado de Samuel.

Aquí podedes ver a súa exposición oral:



NORABOA SAMUEL! FIXÉCHELO MOI BEN!
GRAZAS FAMILIA!


luns, 12 de xaneiro de 2015

AGASALLOS!


Os cativos de 4 anos B levamos unha boa sorpresa cando chegamos á nosa aula na volta das vacacións de Nadal. Uns agasallos ben fermosos que nos trouxo Papá Noel! Deixounos todo o que lle pedimos! Gustáronnos moito! Debe ser que traballamos moi ben todo o treimestre, e que nos portamos fenomenal...