Visualizacións de páxina totais

xoves, 29 de outubro de 2015

O MEDO NA ARTE

O BERRO
Autor: Edvard Munch

Aproveitando a chegada do SAMAÍN os cativos 5 ANOS  B decidimos falar dos nosos medos, das cousas que máis nos aterran e de como podemos facer para superalos e conseguir que desaparezan.
E tamén traballamos con este fermoso cadro de Munch, que nos fixo sentir un medo intenso, un desacougo, unhas ganas de berrar... como lle pasa á persoa que berra nesta obra.
Decidimos pintar como facía Munch, con raias finas, estreitas...  imitar a súa maneira de pintar. Gustounos tanto o resultado que pensamos poñelo no corredor da escola.


martes, 27 de outubro de 2015

CANCIÓN DE SAMAÍN!

Un ano máis decidimos cantar e bailar unha canción propia do SAMAÍN
Esta é a deste ano! Cantade e bailade connosco!



E se queredes cantar e bailar as de cursos pasados:


luns, 26 de outubro de 2015

COROAS DE OUTONO!

Despois de levar unhas semanas aprendendo, investigando, e traballando sobre a nova estación na que estamos; os cativos de 5 anos fixemos unhas fermosas coroas para celebrar a chegada do outono.
Aquí nos vedes traballando: pintamos, picamos, puxemos alkil e purpurina, pegamos... e fixemos unhas coroas de OUTONO ben bonitiñas!
Mirade canto disfrutamos e que guapiños estamos con elas postas:

mércores, 21 de outubro de 2015

CASTAÑAS!


Inés e Martina trouxeron unhas castañas para degustar na aula.
 Son un pouco difíciles de pelar, e están un pouco duras...
 como todos os froitos secos.
Pero así, sen asar, tamén nos gustan!
GRAZAS por compartilas con nós!

venres, 16 de outubro de 2015

NA HORTA

Despois de pasar todo un verán tapadiña e repousando, a nosa horta colle novos folgos neste curso e comeza a ser unha parte importante das nosas aprendizaxes no exterior da aula. Tocounos quitar a protección, as malas herbas e a follas do outono para que quedara ben limpa e fermosa. Despois tapamos novamente unha parte para futuras plantas, e deixamos outra sen cubrir para poñer sementes e plantas grandes. E unha vez rematado o traballo, ao carón dos amorodos plantamos algo que, esperamos que cando medre se converta nunha fermosa  coliflor.



martes, 13 de outubro de 2015

ONDE ESTÁ O OUTONO?

Xa fai uns días que chegou o outono, pero os cativos de 5 anos B decidimos poñernos a investigar... e buscar o outono no exterior. Na nosa investigación atopamos moitas probas de que o outono chegara á nosa escola:
- Buscamos as cores do outono e atopamos moitas: amarelo, marrón e un pouco de verde e vermello. 
- As árbores estaban quedando espidas, as súas follas tiradas polo chan. Decidimos gardalas e clasificalas por cores.
- O vento tirara algunhas ramas polo xardín, e cada vez que soplaba, as follas caían das árbores!
- Na herba había setas! Eran ben fermosas! Unha delas tiña forma de corazón!
- Atopamos algúns "froitos" nos arbustos, pero xa case non temos flores no xardín!
- Tamén atopamos insectos e algúns bichiños: formigas, vermiños, escarebellos... 

Definitivamente, O OUTONO XA ESTÁ NA NOSA ESCOLA! Mirade...

domingo, 4 de outubro de 2015

APRENDEMOS XOGANDO:NOMES

Aínda que os cativos de 5 anos B xa sabemos moi ben os nosos nomes, unha vez máis, tocounos repasar e aprender os nomes dos nosos amigos, e tamén os dos novos compañeiros que temos neste curso que acabamos de empezar. 
Pero esta vez a cousa non foi tan doada... os nomes estaban en letras cativiñas, esas que son difíciles de ler, porque non as coñecemos e teñen moitos ""lazos"" arriba e abaixo! Pero con diferentes xogos de observación e discriminación visual pouco a pouco imos descubrindo cada un deles... é ben divertido descubrilos todos!