Visualizacións de páxina totais

domingo, 14 de setembro de 2014

BENVIDOS E BENVIDAS!



Estimadas familias: o mércores 10 de setembro comezamos un novo curso na nosa nova aula de 4 anos B. Moi pronto apareceremos por esta ventaniña para amosar as nosas actividades de aula, as nosas aprendizaxes; e como non, as moitas e divertidas aventuras que nos irán acontecendo durante este curso...
Esperamos contar coa vosa inestimable colaboración un ano máis, e tamén cos vosos comentarios! Pola nosa parte seguiremos coma o curso pasado: con moita ilusión e con ganas de aprender día a día... Ata pronto!

sábado, 28 de xuño de 2014

O NOSO SOROLLA

Coa chegada do verán os cativiños de 3 anos B estivemos aprendendo moitas cousas sobre esta nova estación. E tamén coñecemos a Sorolla, un pintor que plasmou con gran acerto o verán e a alegría dos nenos na beira do mar. Aprendemos cousas sobre Sorolla e os seus cadros, e como nos gustaron moito, decidimos facer unha interpretación moi persoal do seu cadro : ""EL BALANDRITO""


E aquí podedes ver as diferentes fases do noso proceso creativo: fase de observación do cadro, pintado do mar, debuxo do noso corpo, o balandro feito con xornal... e a nosa obra final: "o noso Sorolla".


martes, 24 de xuño de 2014

MERENDA NO XARDÍN

Aproveitando a última semana do curso e o tempo tan caluroso, os cativos de infantil saimos todos a merendar os nosos bocatas fora das aulas, no xardín da escola. Estivemos todos merendando baixo a sombra das árbores, e despois aproveitamos para xogar... Pasámolo fenomenal!


martes, 17 de xuño de 2014

APRENDEMOS XOGANDO

Os cativiños de 3 anos B estivemos aprendendo os nosos nomes dunha forma divertida, xogando a poñer correctamente cada letriña no lugar axeitado. Levamos un tempo practicando e xa nos sae fenomenal:


xoves, 12 de xuño de 2014

EIRUGAS LARPEIRAS

Nestes días os cativiños de 3 anos B andamos aprendendo moitas cousas sobre uns vermiños que se converten en bolboretas. Grazas aos compañeiros de primaria, que teñen a exposición no corredor, estamos vendo todo o proceso en "vivo e directo". As eirugas xa están no seu casulo a puntiño de sair... andamos emocionados, xa queremos ver como se converten en bolboretas!
Aquí podedes ver algunhas fotos das fases de observación e de traballo individual:



Tamén traballamos na nosa aula este fermoso conto que nos axudou a comprender o ciclo vital dunha bolboreta de forma ben divertida:

sábado, 7 de xuño de 2014

PIZARRA DIXITAL

Aos cativiños de 3 anos B gústanos moito traballar na pizarra dixital. Estas últimas semanas andamos aprendendo a grafía do número 3 e a grafía das vocais. Practicamos tódolos días e xa nos saen fenomenal. Mirade un pequeno exemplo coa letra U: